Son da Vella usa cookies.
Para o correcto funcionamento da páxina, Son da Vella utiliza cookies. Pode ver as condicións de uso da páxina facendo click aquí: CONDICIÓNS DE USO (Aviso legal)
Se continúa navegando enténdese que as acepta. Pode facer desaparecer esta mensaxe confirmando no seguinte botón:
Provincia: Pontevedra
Concello: Cerdedo-Cotobade
Parroquia: Tenorio
HÁBITATS EXISTENTES:
ELEMENTOS IMPORTANTES:
Cruceiro
RUTAS ACONSELLADAS:
Ruta do cruceiro das Chans á Pena do CabaloINDICACIÓNS IMPORTANTES:
Na entrada de Vilanova se accedemos desde Carballedo pola PO-233.
Trátase dun cruceiro moi coñecido na zona. É moi antigo é está cheo de lendas e tradicións. Algunhas levábanse a cabo ata ben pouco.
Este cruceiro estivo moitos anos mono (sen a cruz de enriba), o que se relaciona coas prácticas pagáns do lugar.
" No pobo mercaramos unha becerra suíza, chegamos á mañá seguinte e estaba a dona da becerra chorando ao pé da cuadra e díxolle miña nai:
-E tí que tes?
-Ai, morreunos a becerra!.
E foi miña nai onda ela:
- Morreuche a becerra ?
-Morreu!.
Vai miña nai, dálle unha patada, pero a becerra non estaba morta, e díxolle:
-Pero a becerra non morreu!
-Aaai!, está acabando de morrer.
Non se movía nada, deitada co pescozo así para atrás. E díxolle miña nai:
- Non te preocupes, hoxe que día é? Sábado, levámola ao cruceiro.
E miña nai ía riscar, que non sabía nada de riscar nin nada, ela botaba as pedras para atrás porque sabía como facían pero a oración non a sabía nada. E entonces, efectivamente, chegamos á noite ao cruceiro, eu tamén apunteime a ir, eu tamén, e foi unha irmá miña, e foi Mucha e o padriño que entonces vivía e mamá, e Teresa. Nós levábamola becerra nunha padiola, a becerra ía morta de todo, tiñamos que ir ás doce da noite, entón, tan pronto chegamos en fronte do cruceiro pararon a padiola e coa misma, vai mamá que para riscar levaba un fouciño ,que tiña que riscar todo ó redor da becerra, e dicir unha oración nove veces, andar arredor do cruceiro e de cada vez que facía botaba unha pedra para atrás, e despois había que coller aqueles torróns, eu penso que nin colleu torróns nin nada. Cando estaba riscando a terceira vez, a becerra levantouse e empezou muuuu!, a correr, a correr, a correr, coma unha tola, tirábase no chán, non, foi despois de riscala, tiñas que ir por un camiño e despois volver por outro, e nós viñamos por aquí, pola de María a Xesteiriña, e chegamos ó cruceiro, pois cando acabou de riscar, tiñamos que ir polas fincas, por Piñeiros, aí pola carretera, entón foi cando terminou de riscar e a becerra púxose de pé a muxir "muuuuu" e a correr, a correr, a correr, levárona polas fincas abaixo e tumbábase no chan, logo muxía, erguíase e a correr, a correr,a correr e así chegamos ata a casa e ó día seguinte fumos ver como estaba a becerra que xa estaba de pé e estaba sana."
REFERENCIAS: María Inés, veciña de Vilanova (+65 anos)
Son da Vella® Tódolos dereitos reservados.