
A rata común (Rattus norvegicus), tamén chamada en moitos países rata gris ou parda (pola súa pelaxe), que se corresponde coa rata "de sumidoiro" (por ser un dos lugares onde abunda en zonas urbanas) é unha especie de roedor de distribución mundial, a máis común das ratas hoxe. É unha das dúas especies do xénero Rattus presentes en Galicia (a outra é a rata negra).
É un dos muroideos de maior tamaño cunha lonxitude de 25 cm e un rabo de similar tamaño; cun peso medio nos machos de 350 g e nas femias de 250 g, con pelaxe gris ou marrón. Aínda que se orixinou no norte da China, este roedor estendeuse agora por todos os continentes excepto a Antártida ou preto do polo norte (foi erradicada de Alberta, Canadá), e é a rata dominante en Europa e gran parte de Norteamérica, e as súas poboacións son moi numerosas, polo que se podería dicir que é o mamífero con máis éxito da Terra despois do ser humano. Con raras excepcións, esta rata vive en todos os sitios onde vive o ser humano, especialmente en zonas urbanas.
A reprodución selectiva entre Rattus norvegicus produciu a rata de laboratorio, un organismo modelo usado en investigación biolóxica, así como as variedades de ratas mascotas.
Acceder - Rexistrarse


